O CANÓN DO RÍO SIL
Cando un se achega ao mirador de Cabezoas admira unha paisaxe excepcional, de interese xeolóxica, botánica, cultural e histórica. Unha paisaxe na que, a todas luces, impacta a fendedura do curso de auga sobre estes cantís interiores -cunha caída de 500 m. desde o punto máis elevado ata a altura do caudal do río- de granito hercínico que se afunden no encoro de Santo Estevo.
O modelado granítico, sobre superficies que no alto do canón se atopan en torno aos 650 m.s.n.m., conforma relevos suavemente ondulados nos cumios, produto dunha erosión prolongada desde finais da era primaria, á beira de crestas e riscos que siguen a rede de diaclasas constituída tras a oroxenia alpina, causante da fracturación de bloques que permitiría o posterior encaixamento e sobreexcavación do río aproveitando as fracturas causadas por este último movemento oroxénico. En esencia, o modelado do val pertence ao Cuaternario, causando notables pendentes (ata do 70%) na beira do curso fluvial do río Sil.
Os solos, esqueléticos ou practicamente inexistentes nos bordes do río -debido ao afloramento do horizonte D de rocha nai-, modélanse sobre rochas ácedas predominantes, dando lugar a solos pouco evolucionados de tipo ranker ou terras pardas -os predominantes na meirande parte de Galicia-, nos que se asenta unhavexetación climácica de carballeiras e castiñeiros (estes últimos obxecto de aproveitamento agrícola nos soutos que permanecen en áreas incluso de profunda pendente) mesturada con matogueiras de toxos, xestas e queirugas propios dalanda atlántica, aínda que aquí mesturadas con especies máis mediterráneas e aromáticas -tales como o romeiro-. Asoman, en primeiro termo, bidueiros e avelairas adaptadas a temperaturas máis frescas, no avesedo, á beira de cerquiños (quercus pyrenaica) e sobreiras (quercus suber) noutro tempo tamén aprezados pola súa cortiza. Tamén é posible atopar algunhas especies tipicamente mediterráneas, como a aciñeira (quercus ilex).
Aínda que a paisaxe vexetal se completa con repoboacións forestais de piñeiros sobre as abas do encoro -alá ao fondo-, a panorámica destaca pola importancia dos factores xeolóxicos, que a determinan en esencia.
O río Sil discorre polo fondo do canón, encorado desde a metade dos anos 1950 para un aproveitamento hidroeléctrico do seu caudal. O módulo do río Sil supera aquí os 100 metros cúbicos por segundo, cun réxime pluvio-nival (augas altas en inverno e primavera -cando se produce o desxeo nas montañas orientais da cunca-) de acusada estiaxe a finais de agosto e ata o mes de setembro, dada a escasa precipitación estival nestas áreas de clima suboceánico ou oceánico de matiz mediterráneo que afecta a toda a cunca do Sil.
O clima da área ven determinado pola situación interior da área, na que as amplitudes térmicas anuais superan habitualmente os 15ºC, determinando un claro contraste estacional entre un inverno frío e un verán cálido -este último con temperaturas medias por enriba dos 20ºC-. As precipitacións, asimilables a valores da España seca, rondan os 600 mm. anuais, cunha distribución estacional na que destaca a aridez estival. A situación nunha depresión afundida do interior, en posición oriental con respecto á Dorsal Meridiana -isto é, a resgardo dos ventos húmidos oceánicos dominantes que descargan a meirande parte da súa precipitación nas abas de barlovento, a Occidente-, é determinante para estas características climáticas de transición cara ao dominio mediterráneo continental, creándose microclimas específicos nas abas do río que favorecen a explotación vitivinícola en socalcos -debido ao abrigo dos ventos fríos que proporcionan as fortes pendentes do canón-.
O canón do Sil, con máis de 15 km de lonxitude, é un espazo interior agreste e contrastado, que sen embargo foi colonizado de xeito sistemático desde época altomedieval por eremitas e monxes. E velaí que o aproveitamento de soutos e vides xenerou un poboamento espallado, con aldeas ubicadas nos terreos altos do canón, a media ladeira. Desde mediados do século XX, coa construción de encoros como o de Santo Estevo -con máis de 200 hectómetros cúbicos de capacidade- e o de San Pedro, os intereses económicos desta área centráronse na explotación hidroeléctrica, que convive hoxe coa agrícola (viños da Ribeira Sacra), a silvícola e a turística. O poderoso medio físico deste “mar interior” soporta deste xeito unhapegada humana permanente, o que non impide escasas densidades demográficas e problemas de avellentamento e abandono de explotacións -á beira de novas colonizacións agrícolas fomentadas polo impulso dos prezos do viño de variedademencía nos mercados vitivinícolas-.